Sunomomo, ensalada de cogombro xaponesa

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

20 minutos

Sunomomo en xaponés adoita referirse a pratos que teñen o vinagre como base, de feito Su significa vinagre neste idioma. Mais en occidente a palabra Sunomomo emprégase principalmente para referirse a esta ensalada de cogombro. Este tipo de ensaladas son ideais como entrantes xa que o sabor acedo do vinagre axuda a estimular o apetito e tamén como acompañamento para peixes ou carnes. Ademais de ser sinxela e moi saborosa, é perfecta para o verán, cando o efecto do calor fai que o noso corpo nos pida comida fresquiña. Esta é a receita básica, mais podemos engadirlle surimi ou polbo cocido tamén se queremos.

Ingredientes

  • 1 cogombro xaponés
    (os alongados)

  • 2 g de alga wakame
    deshidratada

  • 1/2 culler de sementes
    de sésamo

  • Para aliñar:
  • 2 culleres de vinagre de arroz

  • 1 culler de azucre

  • 1/2 culler de salsa de soia

Pasos

  • Botamos as algas deshidratadas nun cunco con abundante auga e hidratamos durante 10 minutos. Pasado este tempo escorremos e reservamos.
  • Mentras tanto lavamos e pelamos o cogombro, alternando zonas verticales peladas con zonas sen pelar para que quede máis vistoso. Despois cortamos en toros finiños coa axuda dunha mandolina.
  • Botamos os toros nun cunco cun chisco de sal por enriba e deixamos uns 5 minutos. O sal axuda a que o cogombro solte o líquido que ten dentro, evitando augar a ensalada. Pasado este tempo escorremos ben os toros de cogombro para que solte todo o líquido e reservamos.
  • Mesturamos nun cunco o vinagre, o azucre e a soia e remexemos ben.
  • Mesturamos as algas co cogombro e o aliño e integrámolo todo.
  • Servimos en cuncos individuais cunha primeira capa de algas, outra de cogombro e finalmente as sementes de sésamo e un pouco do aliño por enriba. Podemos engadirlle surimi ou polbo tamén se queremos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *