Lasaña de cabaza e grelos

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

45 minutos

Esta lasaña de cabaza e grelos é unha delicia. Estupenda no outono e en calquera época do ano. Podemos cambiar os grelos por espinacas se queremos.

Ingredientes

  • 400 g de cabaza

  • 200 g de grelos
    (frescos, conxelados ou en lata)

  • 200 g mozzarella

  • 200 g de queixo ricotta
    ou requeixo

  • 100 g de queixo
    grana padano en pó

  • reladura de ½ limón

  • 1 culleriña de follas de romeu
    fresco cortadas

  • 8 placas de lasaña
    listas para o forno

  • Para a bechamel
  • 50 g de fariña

  • 50 g de manteiga

  • 500 ml de leite

Pasos

  • Comezamos quentando o forno a 200º. Mentras, cortamos a cabaza en anacos duns 2 dedos de grosor e tirámoslles a casca. Metémola no forno con sal, pementa e un chisco de aceite por enriba. Deixamos uns 15 minutos, sacámola e agardamos a que arrefríe un pouco. Finalmente, pisámola mesturándoa ben co mollo que soltou e reservamos.
  • Se os grelos son frescos ou conxelados temos que escaldalos previamente con auga fervendo uns 5 minutos e seguimos cocéndoos noutra auga diferente outros 15 minutos. Se son de lata pasamos directamente a escorrelos. A continuación botámoslles un chorriño de aceite, sal e pementa. Se queredes saber máis sobre como preparar os grelos podedes consultalo aquí.
  • Noutro cunco á parte mesturamos a mozzarella, 50 g de grana padano, o romeu, a ricotta e a reladura de medio limón e deixamos repousar.
  • Para a bechamel
  • Para facer a bechamel podedes seguir aquí a nosa receita da sección Básicas.
  • Para montar a lasaña colocamos unha capa inicial de bechamel no fondo dunha bandexa apta para o forno e a continuación as placas de pasta, ⅓ da cabaza, ⅓ dos grelos e ⅓ da mestura do queixo. Cubrimos con outra capa de lasaña, bechamel, cabaza, grelos e queixo e repetimos así até ter tres pisos. Rematamos cunha capa de lasaña, cubrímola con abundante bechamel e o resto do queixo en pó.
  • Para rematar, metemos no forno á máxima potencia co gratinador activado durante uns 5 minutos, até que se doure por enriba.