Croque Madame con xamón curado e queixo San Simón

Detalles

Racións

1 ración

Tempo

30 minutos

Dificultade

Fácil

Este prato é unha versión do Croque Monsieur, ambos de orixe francés. Consisten nun sandwich con xamón e queixo, recheo e cuberto con bechamel. A versión con ovo por enriba chamase madame, señora en francés, porque o ovo recordaba ao sombreiro das donas da época. Nós fixemos unha adaptación con xamón curado e queixo San Simón.

Ingredientes

  • 3 rebandas de pan de molde

  • 1 ovo

  • xamón curado

  • queixo San Simón

  • Para a bechamel:
  • 250 ml leite

  • 25 g de manteiga

  • 25g de fariña de trigo

  • sal e pementa negra
    moída

Pasos

  • Para a bechamel:
  • Botamos a manteiga nun cazo, derretémola e imos engadindo a fariña peneirada pouco a pouco até tela toda. Deixamos que se cociñe durante uns minutos a lume medio mentras remexemos constantemente para que non se queime. É importante cociñala ben coa manteiga para evitar que saiba a fariña crúa.
  • Quentamos un pouco o leite para que estea morno.
  • Unha vez cociñada a fariña imos engadindo o leite morno pouco a pouco e remexendo cun batedor de globo para que non se formen bolos. Engadimos sal e seguimos remexendo até que espese. Finalmente, botamos un pouco de pementa negra moída e reservamos.
  • Para facer o sandwich:
  • Untamos unha rebanda de pan cun pouco de bechamel por enriba, colocamos sobre a bechamel dous anacos de queixo San Simón e 3 ou 4 liscos de xamón cubrindo toda a superficie do pan, facemos o mesmo con outra rebanda de pan cubríndoa con bechamel, queixo e xamón e colocámola sobre a primeira.
  • Colocamos unha última rebanda de pan sobre as dúas primeiras e botamos abundante bechamel por enriba.
  • Metemos no forno, que previamente quentamos a 180 graos, durante 10 ou 15 minutos para que se derreta o queixo. Deixamos outros 5 minutos co gratinador por enriba para dourar un pouco a bechamel e sacamos do forno.
  • Fritimos un ovo nunha tixola cun pouco de aceite e colocámolo enriba do sandwich.
  • Servimos quente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *