Arroz negro con chipiróns e lagostinos

Detalles

Racións

4 persoas

Tempo

45 minutos

Ingredientes

  • 150 g de arroz bomba

  • 1 l de caldo de peixe

  • 500 g de chipiróns limpos
    e cortados

  • 1 cebola

  • 2 dentes de allo

  • 6 lagostinos

  • 1 tomate maduro (300g)

  • 1 culler de polpa
    de pemento chouriceiro

  • 8 g de tinta de lura

  • aceite de oliva

  • Para acompañar:
  • alioli

  • 1 limón

  • 1 ramiña de romeu

Pasos

  • Botamos abundante aceite nunha pota ou nunha paella, cando estea algo quente botamos os lagostinos cun pouco de sal e douramos polos dous lados. Sacámolos e agardamos a que arrefríen un pouco para pelalos. Nun cazo á parte poñemos a quentar o caldo de peixe.
  •  Cortamos a cebola e o allo en brunoise, refogámolos durante 10 minutos a lume medio no mesmo aceite cun chisco de sal por enriba. Pelamos e cortamos o tomate en cadradiños e engadímolo a pota xunto á culler de pemento chouriceiro,  remexemos e deixamos outros 10 minutos.
  •  Pasado este tempo botamos os chipiróns e refogámolos uns minutos, engadimos tamén a tinta de lura e remexemos ben para que se integren todos os ingredientes.
  • Botamos o caldo quente e deixamos cociñar uns minutos, probamos o punto de sal e rectificamos se fose preciso. A continuación engadimos o arroz e deixamos cocer durante 20 minutos, os 10 primeiros a lume forte e os 10 últimos a lume baixo.
  • Colocamos os lagostinos cortados en anacos por enriba e deixamos repousar 5 minutos antes de comer. Servimos coa ramiña de romeu para decorar e acompañado de alioli e dun limón para botarlle ao gusto.